Saturday 27 de April de 2024

Cambre reivindica a Miro Casabella nunha homenaxe con Paco Ibáñez como convidado


O festival da canción de autor Corazón e Bravura, novidosa cita do verán cambrés

O Concello de Cambre prepara as súas mellores galas para saldar unha débeda histórica cun dos seus veciños máis ilustres. Hai xa décadas que un profesor de arquitectura na Universidade da Coruña natural do Valadouro elixiu Cambre para vivir, concretamente o lugar de Bandebó, na parroquia de Brexo Lema. Dase a circunstancia de que, ademáis, este veciño, de nome Miro Casabella, é unha figura referencial do panorama musical galego xa que foi un dos alicerces da denominada Nova Canción Galega (tanto como solista, como membro de Voces Ceibes ou Doa) e é ademáis un dos principais valedores e difusores da importancia da zanfona na nosa tradición musical.

Tomando o nome prestado dunha das letras autoría de Casabella, o Festival, que aspira a se consolidar no tempo dando en sucesivas ocasións espazo ás voces de valores emerxentes, chega “Corazón e Bravura”, síntese perfecta da natureza da canción protesta que abandeira un cantautor como Miro Casabella: a sensibilidade social e humana xunguida co compromiso co país e cos máis desfavorecidos do mundo.

Serán 4 días de diversas actividades e recoñecimentos a finais do mes de xullo. O mércores 26 a Casa da Cultura acollerá un coloquio sobre a figura de Miro Casabella arredor do seu libro autobiográfico. O xoves 27 Casabella asinará no Libro de Honra do Concello de Cambre e o venres 28 terá lugar un concerto de música medieval e polifónica. Todo como aperitivo día grande, o sábado 29 á posta do sol, o anfiteatro do Parque da Igrexa de Cambre acollerá un concerto que se prevé histórico, onde Miro Casabella recibirá a un vello amigo: Paco Ibáñez, tal vez o máis mítico dos cantautores en activo do panorama estatal e cunha importancia nacional fora de toda dúbida, é compañeiro e amigo de Miro Casabella dende os tempos da resistencia á dictadura franquista, tendo actuado conxuntamente en numerosos escenarios do extranxeiro diante de exiliados e democrátas de todo o mundo. Ambos autores debullarán os seus grandes éxitos diante do público cambrés de xeito total e absolutamente gratuito, entrada libre. Dende a Concellaría de Cultura faise fincapé “na importancia da cita como mostra dunha política cultural diferente, sensíbel e de calidade. Aspiramos a, mentras mantemos e potenciamos todo o que funciona, introducir en Cambre novos elementos que configuren unha oferta cultural e lúdica diferente”, manifestou o titular da área, Dani Carballada, nunha liña corroborada polo concelleiro de Deporte, Brais Cubeiro que incidia na necesidade de “sumar vontades na vila de Cambre para lograr que o evento sexa un éxito e sexamos quen de consolidar unha aposta tan peculiar como é a de crear un festival da canción de autor no tempo do reguetón e a música lixo”.

Ambos estiveron acompañados polo alcalde de Cambre na presentación da cita. Óscar García Patiño valorou “o importante que é para Cambre abrir novos camiños no eido da programación lúdica e cultural, apostando por prestixiar a progamación do Concello, buscando subir novos chanzos en canto a calidade e pluralidade”.